Publicado por: paguiar2 | Marzo 17, 2009

Novo libro de Santiago Prol

Chega as librerías un novo libro do escritor e investigador macedán Santiago Prol publicado pola editorial “Difusora de letras, artes e ideas”, máis de 250 páxinas nas que se recolle os nobres vencellados a Maceda e ao seu castelo na que o autor percorre, expón e nos achega a historia de Maceda dende as vivencias dos seus personaxes de máis nobreza. Como expón na contraportada do libro: “Esta rigorosa achega abrangue aos nobres vencellados ao Castelo de Maceda máis egrexios que levaron o seu nome polo mundo adiante dende a Baixa Idade Media: María Fernández, a filla do conde de Traba. Afonso X o Sabio e o seu preceptor Garci Fernández. Pedro Iáñez de Nóvoa que fixo carreira política e militar dentro da Igrexa. Joâo da Nova, un galego universal, o máis relevante do século XVI. Xoán Iáñez de Nóvoa e o Panteón de Nóvoas Egrexios. Outrosí o condado de Maceda (1654) que lle foi concedido a Alonso de Lanzós e Nóvoa. O III conde Joseph Benito de Lanzós e Nóvoa acadou a Grandeza de España de 1ª clase (1710). O seu primoxénito Antonio Pedro Nolasco chegou a gobernador de Madrid e vicerrei de Navarra. Unha condesa de Maceda está soterrada no que hogano conforma o Panteón de Galegos Ilustres. Baltasar Pardo de Figueroa, VIII conde de Maceda, finou na batalla de Medina de Rioseco (1808). Xoán Xosé caamaño Pardo, conde consorte de Maceda, foi un dos ilustrados de comezos do XIX en Galiza. A relevante nómina deste volume soborda o ámbito local. Unha aproximación necesaria que enche unha eiva da nosa memoria colectiva”.

Portada do libro

Portada do libro

Publicado por: paguiar2 | Outubro 14, 2008

Magosto

Xa chegaron os primeiros ourizos do ano, aínda se deixar ver o fruto. Para o 1 de Novembro está prevista a celebración dun gran magosto no Castelo de Maceda, organizado pola Asociación O’Pipote. Atención especial merece o concerto dos ourensáns  “Os Guezos”.

Cartel Castañazo

Cartel Castañazo

Máis información na web de Asociación O Pipote: http://opipotemaceda.tk

Publicado por: paguiar2 | Setembro 5, 2008

Rematou o verán

Xa estamos en setembro. Rematou o mes de Agosto, e con el remataron as festas e as vacacións. A orquestra Fantasía tentou iluminar a escura noite do 14 de Agosto. Choveu un chisco no descanso da orquestra, pero a xente non se deixou vencer. Recuperamos forzas e rematamos a noite coa queimada. O venres un karaoke cheo de estrelas, voces para todos os gustos. O sábado empatamos 2-2 contra o C.D. Maceda de veteráns, quizais o mellor resultado posible despois das liortas que vivimos. A cea popular do sábado pola noite foi de novo un éxito. Visita do alcalde. Traballo arreo antes da cea para protexernos dunha chuvia que finalmente non apareceu. Reparto de churrasco, empanada, bica e viño. O licor café e os músicos chegados de Vilanova dos Infantes fixeron erguer a todos das cadeiras. De novo chegaron os felos, felos de verán, entroido de agosto para quen non pode vir no inverno. Finalmente contabilizamos 117 persoas. ¡O ano vindeiro máis!

Alguén pode enviar fotos? que o faga aquí: santirso@hotmail.com

Graciñas a todos pola vosa colaboración.

Publicado por: paguiar2 | Marzo 27, 2008

Semana Santa

O sol que nos acompañou os primeiros días non nos librou de andar ateigados de roupa día e noite. Erguidos no pé do San Mamede, quixemos aproveitar ata o último intre de luz, case ata que o sol xa se comezaba a afogar no mar. Cando cara o final da semana nos roubaron os seus raios, pensamos morrer. Chegou a choiva e a escuridade. As vacacións parecíanse estragar, mesmo pensamos que rematarían antes de tempo. Ata que soubemos da sorpresa que o ceo nos tiña preparada. O domingo “A Vila da Serra” espertou cuberta por un impresionante manto branco. Foi unha desas imaxes que non se poden esquecer, que non marcharán nunca da nosa memoria. Mais foi tan efémera que só aqueles que andaban agochados entre rúas nos últimos minutos da noite puideron ollar este branco alborexar. A gran nevarada branca tornouse en verde poucos minutos despois do abrente. Na hora do xantar xa marchara de todos os recunchos.

No serán do domingo, as nubes de neve xa marchaban e a flor do toxo recuperaba a súa cor.

dsci0122.jpg

Publicado por: paguiar2 | Marzo 26, 2008

Os Felos en Santirso

Un ano máis, volveu a festa do entroido ás terras do val de Maceda. O sábado foi o día grande. Un bo número de felos percorreron as vilas e aldeas de Maceda e fixeron que as xentes de Escuadro, Pias, Castro, Santirso, Xinzo, Tioira… tiveran que botar algunha que outra carreira para se librar dos golpes das chocas. O domingo o entroido se trasladou a Maceda, onde se romperon olas de barro e se bebeu viño da man da “Asociación O Pipote”, todo entre unha intesa choiva que non desluciu a festa. O luns e o martes o entroido non parou, máis felos, cocido, cachucha, desfile e concurso. Ao final a tristura do fin do entroido invadiu Maceda, loito e moitas bágoas. Xa chegou Dona Cuaresma… agora só nos queda agardar un ano, que imos facer?

felos.jpeg

Categorías